Thursday 02 de May de 2024

A carreira popular de Matogrande congregou a 856 corredores e corredoras


Fernando Diez e Nati García gañaron a proba, que forma parte do circuíto Coruña Corre

Esta mañá celebrouse a VII Carreira Popular de Matogrande, que forma parte do circuíto Coruña Corre. A proba congregou nas rúas do barrio a 856 corredores e corredoras das diferentes categorías, participando un total de 554 na competición absoluta.

O trazado da carreira popular de Matogrande, cun percorrido total de 7.140 metros, tivo o seu punto de inicio na rúa Sebastián Martínez Risco, na contorna do colexio Liceo La Paz, e transcorreu entre o barrio e o campus universitario de Elviña. Os tres primeiros clasificados da categoría masculina foron Fernando Diez, Rubén Liñares e Mikel Ocerin. Na proba feminina, gañou Nati García, Melania Mariño quedou segunda e Vanessa Rama, terceira.

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregaron os premios das diferentes categorías, unha vez finalizada a proba.

Datas do circuíto Coruña Corre

Tras o desenvolvemento da carreira popular de Matogrande, o circuíto Coruña Corre supera o ecuador da programación de datas para esta edición. Ocircuíto volverá ás rúas da cidade coa XI Carreira Popular da Volta a Oza, que terá lugar o 10 de setembro. Estas son as vindeiras datas previstas:
● XI Carreira Popular da Volta a Oza: 10 de setembro.
● VIII Carreira Popular do Ventorrillo: 22 de outubro.
● XI Carreira Popular de Novo Mesoiro: 26 de novembro.